mércores, 31 de maio de 2023

NA DESPEDIDA Á NOSA AUXILIAR DE CONVERSA, SARAH WADE


 Hoxe é o último día lectivo da nosa auxiliar de conversa SARAH WADE. A lectora americana que nos acompañou este curso 2022-23.

Dende aquí, so queremos agradecerlle o seu traballo, e a súa amabilidade e disposición. Esperamos que sexa un "ata pronto" porque hai posibilidades de que volva o curso que ven.

NOVA CAMPAÑA POLA LINGUA: A RAPAZADA DO IES "RAFAEL DIESTE" PREPARA A BANDA SONORA DO CURSO 2022/23


 


“A prensa fala nestes días que as Tanxugueiras disputan o escenario mundial con Beyoncé, Bad Bunny ou Rosalía, pero... e que outras cousas hai para nos ofrecer?”
 
A esta pregunta dálle resposta a mocidade coruñesa que estuda no IES Rafael Dieste, e por iso lanzan agora unha nova campaña de promoción da lingua entre a xuventude que pon o foco na música galega contemporánea.
 
Do rap ao indie ou do trap ao rock, pasando polos ritmos da bachata, o reggaeton ou a música disco. Porque hai un universo sonoro por descubrir na nosa lingua.
 
Un ramallete florido de solistas e agrupacións que, moitas veces sen a promoción dos medios, se abren ao mundo construíndo cultura e engordando o patrimonio galego con cada creación.
 
Após un traballo intenso de pescuda por este universo musical, o alumnado do primeiro ciclo da ESO, e baixo a coordinación do profesor Alberto Pombo, propúxose crear 40 recomendacións individualizadas que se divulgarán en formato póster.
 
Deste xeito, cada un dos alumnos que participa no proxecto escolle unha banda e manifesta as razóns da súa recomendación ou explica que sinte cada vez que os escoita. Aínda, cada póster inclúe un código QR que liga para o traballo audiovisual preferido en cada banda.
 
Por outra banda, tamén se presenta unha playlist (sptfy.com/NHAW) con máis de 100 temas de 100 grupos diferentes. Cancións escollidas polo alumnado para que a cultura sexa transmitida entre iguais e baixo os seus propios gostos: Sondarúa, C Mirazo, Boyanka Kostova, Zavala, Os amigos dos músicos, Hydn, Dj Rokiño, Secho y los invisibles, The Rapants, Quartzo e un, por fortuna, longuísimo etcétera.
 
Ademais, este traballo contará coa colaboración e a promoción externa da plataforma Galeguiza_t (páxina referencial na difusión da música en galego e premio Mil Primaveras ao mellor proxecto de promoción da lingua entre a mocidade) que  divulgará o traballo do alumnado desde a súa páxina na rede social instagram (@galeguiza_t).
 
A música galega xa ten predicamento entre a mocidade coruñesa que estuda no Dieste. Mocidade que, con esta nova iniciativa normalizadora, pretende sumar máis unha forza para espallar cultura e lingua, agora en forma de canción, por fóra dos muros do instituto.
 
3... 2... 1... Dentro música!

martes, 30 de maio de 2023

RECORDANDO A TODOS OS AUXILIARES DE CONVERSA DO 'RAFAEL DIESTE'

Na víspera que despedimos á auxiliar de conversa para este curso 2021-22, queremos recordar aos auxiliares que estiveron con nos desde que empezamos cos programas de Seccións Bilingües (2005) e Plurilingüe (2010). Donde queira que estén agora, queremos agradecerlles o traballo de facer que o noso alumnado fale en inglés.

Sarah Wade (EEUU)
(curso 2022/23)

Kayleigh Vantassel (EEUU)
(cursos 2020-21 e 2021-22)

Joshua DeYoung (EEUU)
 (cursos 2018-19 e 2019-20. Programa Fulbright)

Ben Davidson (EEUU)
 (curso 2017-18. Programa Fulbright)

Laura Oxenreiter (EEUU)
(curso 2016-17)

Byron Santi (EEUU)
(curso 2015-16)

Tom Pazo (EEUU)
(cursos 2013-14 & 2014-15)

Paul Behrend (EEUU)
 (cursos 2011-12 & 2012-13)


Sarah Needham (Reino Unido)
(terceiro trimestre do curso 2010-11) 
+ outra rapaza (curso 2010-11)  Nicole (Canadá)

 
Kasia (Reino Unido)
(cursos 2008-09 e 2009-10)


Rose (Reino Unido)
(curso 2007-2008)

Versión en inglés @ ClickOnEnglish

ENCONTRO "TALENTOS INCLUSIVOS" CON SARA GARCÍA ALONSO



Onte luns 29 de maio un grupo de alumnado de 1º de ESO convocados polo Club de Ciencias Ángeles Alvariño do IES Rafael Dieste, asistimos no CITIC á presentación dos proxectos Talentos Inclusivos e charla con Sara García Alonso dentro do programa “PRESENTE Y FUTURO DE LA INDUSTRIA AEROESPACIAL EUROPEA: INVESTIGACIÓN, COLABORACIÓN Y EMPRENDIMIENTO” do Concello Social da Universidade da Coruña.


sábado, 27 de maio de 2023

HUMOR AMARILLO: O PREMIO PARA O GRUPO GAÑADOR DO "HOMECOMING" (3ºESO-C)



 Regalo sorpresa para os nosos gañadores este ano do "Homecoming": o grupo 3°ESO-C. Unha mañá nas instalacións de Humor Amarillo, donde poideron poñer a proba as súas habilidades como equipo. Moitas risas e diversion.









venres, 26 de maio de 2023

O NOSO ALUMNADO PRACTICA ACTIVIDADE DE PATINAXE-SKATING



Neste último mes o alumnado de 3° e 4°ESO visitou o Skate Park dos Rosais. Unha forma de coñecer posibilidades de actividades ao aire libre na súa contorna.

xoves, 25 de maio de 2023

ACTUALIZACIÓN DOS CADERNIÑOS INFORMATIVOS SOBRE PROMOCIÓN E ITINERARIOS

O Departamento de Orientación do instituto ven de actualizar á nova lexislación os caderniños informativos para cada un dos cursos da ESO e Bacharelato incluindo os criterios de promoción, as asignaturas por cursos e os itinerarios.

Podedes ver os caderniños na páxina específica de Orientación da nosa web dende esta ligazón:

 

luns, 22 de maio de 2023

O NOSO INSTITUTO RECIBE O XIX PREMIO "MARCELA E ELISA" DA FUNDACIÓN ALAS

 

Marcela e Elisa. Foto: José Sellier
O grupo DiverXentes do IES "Rafael Dieste" 2022-23

O colectivo ALAS de A Coruña ven de conceder a dous centros educativos, e un deles é o noso, o XIX Premio "Marcela e Elisa". Estes premios véñense entregando dende o 2015 buscando poñer en valor ás persoas e entidades que traballan a favor dos dereitos LGTBI+. É a primeira vez que se conceden a centros educativos por formar na diversidade.

ALAS manifestou que o xurado valorou o compromiso destos centros educativos coa comunidade LGTBI+. Tamén, destacou o amplio catálogo de libros de temática LGTBI+ dispoñible nas bibliotecas de ambos os dous centros educativos.
Máis información nestas ligazóns:

Información na prensa local:

Os institutos Rafael Dieste de A Coruña e Nº1 de Ribeira reciben os premios Marcela e Elisa

venres, 19 de maio de 2023

"PICNIC" DE CELEBRACIÓN GAÑADORES CONCURSO DISFRACES 2ºESO-B



 "Picnic" de celebración co alumnado de 2ºESO-B por ter gañado o concurso de disfraces do Entroido 2023 organizado por vicedirección e o seu titor Andrés Paredes.



xoves, 18 de maio de 2023

ACTIVIDADE "AQUÍ TAMÉN SE FALA GALEGO"

Foto: Víctor Echave - La Opinión de A Coruña

 Alberto Pombo, profesor do Depratamento de Galego do noso instituto, está facerndo unha actividade co alumnado de 4º. É unha actividade de dinamización lingüística que consiste nunha campaña nos negocios locais para promocionar o uso do galego. A campaña chámase "AQUÍ TAMÉN SE FALA GALEGO" e consiste en que o alumnado irá a diferentes negocios a pedirlles participar na campaña colocando un pequeno cartel no local. Deixámosvos a presentación da actividade:

AQUÍ TAMÉN SE FALA GALEGO 
...e a moito orgullo! 

Porque a historia das nosas letras non se pode entender sen esta cidade aberta ao océano. Aquí naceron as Irmandades da Fala, a Cova Céltica, a Escola Rexional de Declamación ou a Real Academia Galega. Aquí celebráronse os primeiros Xogos Florais e coroamos como poeta a Curros Enríquez, no que hoxe coñecemos como Teatro Rosalía de Castro, que tamén foi veciña da nosa cidade. Como veciños foron Murguía, Pondal, Lugrís, Dieste, Avilés de Taramancos, Novoneyra…
E como veciños son hoxe Pilar Pallarés, Manuel Rivas, Yolanda Castaño ou Xurxo Souto. E porque outro veciño noso, Pucho Boedo, internacionalizou para o mundo a poesía galega en forma de cancións! 

Os nosos barrios naceron tamén coa voz doutros galegos que aquí viñeron e hoxe, aquí, a nosa lingua renóvase florida con máis sotaques chegados da emigración latina, asiática, europea ou africana. 

 Por iso nós agora, o alumnado do IES Rafael Dieste, iniciamos esta ambiciosa campaña de dinamización con acción directa nos barrios, dos que tamén somos veciños e veciñas orgullosas! A nosa intención é crear un repositorio de 300 locais (cafetarías, lavandarías, talleres mecánicos, perruquerías…) que demostren que nesta cidade non somos hostís á lingua galega. Por iso, subiremos unha foto do teu negocio ao Instagram @bibliotecadieste xunto co cancelo #aquítaménsefala, para dar publicidade. Sería algo así… 

A cafetaría *** da Ronda de Outeiro nº 334, súmase ao proxecto #aquítaménsefala” e acompañaremos a publicación dunha foto do teu negocio

QUE VEÑAN MIL PRIMAVERAS MÁIS PARA A LINGUA GALEGA! GRAZAS



A campaña "AQUÍ TAMÉN SE FALA GALEGO" está sendo todo un éxito, más de 300 negocios uníronse ...e así o corroboran tamén as responsábeis de espallar cultura na biblioteca do IES Rafael Dieste: Carlos, Arcadio e Bea!

A actividade apareceu na prensa local: "LA OPINIÓN DE A CORUÑA" (6/6/23)



E tamén en "LA VOZ DE GALICIA":





IES Plurilingüe 'RAFAEL DIESTE' é centro Mus.e


"AQUÍ TAMÉN SE FALA GALEGO"

"AQUÍ TAMÉN SE FALA GALEGO"
Actividade de Dinamización Lingüística

MUSE VIDEOS 2022

Seguidores