mércores, 31 de maio de 2023

NOVA CAMPAÑA POLA LINGUA: A RAPAZADA DO IES "RAFAEL DIESTE" PREPARA A BANDA SONORA DO CURSO 2022/23


 


“A prensa fala nestes días que as Tanxugueiras disputan o escenario mundial con Beyoncé, Bad Bunny ou Rosalía, pero... e que outras cousas hai para nos ofrecer?”
 
A esta pregunta dálle resposta a mocidade coruñesa que estuda no IES Rafael Dieste, e por iso lanzan agora unha nova campaña de promoción da lingua entre a xuventude que pon o foco na música galega contemporánea.
 
Do rap ao indie ou do trap ao rock, pasando polos ritmos da bachata, o reggaeton ou a música disco. Porque hai un universo sonoro por descubrir na nosa lingua.
 
Un ramallete florido de solistas e agrupacións que, moitas veces sen a promoción dos medios, se abren ao mundo construíndo cultura e engordando o patrimonio galego con cada creación.
 
Após un traballo intenso de pescuda por este universo musical, o alumnado do primeiro ciclo da ESO, e baixo a coordinación do profesor Alberto Pombo, propúxose crear 40 recomendacións individualizadas que se divulgarán en formato póster.
 
Deste xeito, cada un dos alumnos que participa no proxecto escolle unha banda e manifesta as razóns da súa recomendación ou explica que sinte cada vez que os escoita. Aínda, cada póster inclúe un código QR que liga para o traballo audiovisual preferido en cada banda.
 
Por outra banda, tamén se presenta unha playlist (sptfy.com/NHAW) con máis de 100 temas de 100 grupos diferentes. Cancións escollidas polo alumnado para que a cultura sexa transmitida entre iguais e baixo os seus propios gostos: Sondarúa, C Mirazo, Boyanka Kostova, Zavala, Os amigos dos músicos, Hydn, Dj Rokiño, Secho y los invisibles, The Rapants, Quartzo e un, por fortuna, longuísimo etcétera.
 
Ademais, este traballo contará coa colaboración e a promoción externa da plataforma Galeguiza_t (páxina referencial na difusión da música en galego e premio Mil Primaveras ao mellor proxecto de promoción da lingua entre a mocidade) que  divulgará o traballo do alumnado desde a súa páxina na rede social instagram (@galeguiza_t).
 
A música galega xa ten predicamento entre a mocidade coruñesa que estuda no Dieste. Mocidade que, con esta nova iniciativa normalizadora, pretende sumar máis unha forza para espallar cultura e lingua, agora en forma de canción, por fóra dos muros do instituto.
 
3... 2... 1... Dentro música!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

IES Plurilingüe 'RAFAEL DIESTE' é centro Mus.e


"AQUÍ TAMÉN SE FALA GALEGO"

"AQUÍ TAMÉN SE FALA GALEGO"
Actividade de Dinamización Lingüística

MUSE VIDEOS 2022

Seguidores