domingo, 28 de abril de 2024

Alumnado de 2º ESO participa na Olimpíada Matemática Galega

O pasado 25 de abril, seis alumnos e alumnas do IES Plurilingüe Rafael Dieste participaron na fase de zona da Olimpíada Matemática Galega de 2º ESO. Moitas grazas a todo o alumnado polo súa entrega e participación!

Charla con Nieves Abarca

O pasado 17 de abril o departamento de Lingua Castelá do IES Plurilingüe Rafael Dieste organizou unha charla coa escritora Nieves Abarca.



Charla con Lois Pérez

O pasado 17 de abril o departamento de Lingua Galega do IES Plurilingüe Rafael Dieste organizou unha charla con Lois Pérez, narrador e poeta.



Obradoiro de caricatura para alumnado de 1º ESO

O pasado 9 de abril de 2024 o alumnado de 1º ESO do IES Plurilingüe Rafael Dieste participou nun obradoiro de caricatura.





luns, 22 de abril de 2024

venres, 19 de abril de 2024

Aquí Tamén Se Fala convértese en festival!


Presentouse hoxe en rolda de prensa no IES Plurilingüe Rafael Dieste o cartaz do primeiro festival de música en galego “Aquí Tamén Se Fala”, que se celebrará no venres 7 de xuño a partir das 17:00h na praza da Tolerancia, na Coruña.

O cartaz constitúe o colofón a unha iniciativa cultural sen precedentes na historia da dinamización lingüística do país á que se sumaron máis de 200 centros educativos de todos os niveis de ensino, clubes deportivos profesionais de primeiro nivel, referentes do mundo cultural e máis de 25.000 rapaces traballando de forma activa.

Organizado desde o instituto público coruñés supón un fito histórico pois representa a materialización dun festival de música profesional promovido desde un centro de ensino. Programado pola mocidade e para a mocidade baixo coordinación de Arcadio González e Alberto Pombo, promotores da iniciativa cultural “Aquí tamén se fala galego”.

No acto celebrado na mañá do venres 19 de abril, participaron tamén os representantes institucionais da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, da Deputación e máis do Concello da Coruña, da Xefatura Territorial de Educación e do propio centro educativo, a carón dos organizadores e dos músicos Nuno Pico (Grande Amore) e May (Leria).

O festival gratuíto, aberto a toda a mocidade e cidadanía, queda constituído na súa primeira edición por bandas do máis alto nivel da escena galega: Grande Amore, Boyanka Kostova, Lontreira e Leria, e dá continuidade ao traballo desenvolvido por “Aquí tamén se fala” no campo audiovisual que se divulga nas redes sociais de Instagram, Tiktok e Youtube baixo o cancelo #AquíTaménSeFala.

Gratuíto, monolíngüe en galego, aberto á cidadanía, horizontal e organizado desde un instituto público da Coruña rico e diverso.



xoves, 18 de abril de 2024

Talleres de Primeiros Auxilios

Todo o alumnado de 1°, 2°, 3° e 4° de ESO e de 1° de bacharelato participou durante estas dúas semanas nos talleres de Primeiros Auxilios organizados desde o Departamento de Educación Física. Neles aprenderon a actuar ante unha emerxencia seguindo o protocolo PAS (Protexer, avisar e socorrer), ante un atragoamento, a realizar unha reanimación cardiopulmonar (RCP) e a usar un desfibrilador.

Moitas grazas ao persoal sanitario do Centro de Saúde dos Rosales e ao Centro de Formación e Recursos da Coruña.





domingo, 14 de abril de 2024

Proxecto de investigación científica co grupo Biocost do CICA

Durante o mes de marzo e abril, dous dos nosos alumnos de 4º ESO (Diego López e Juan Lorenzo) participaron nun proxecto de investigación científica co grupo Biocost do CICA (Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da Universidade da Coruña), especializado na biodervisade e no emprego sostible dos recursos. Durante a estancia, puideron coñecer e traballar conxuntamente con este grupo de investigadores. Unha experiencia a recordar!





mércores, 10 de abril de 2024

VII Xornadas de Mediación escolar

Hoxe, mércores 10 de abril, tivo lugar no noso instituto a primeira sesión das VII Xornadas de Mediación escolar.

Vémonos de novo en dúas semanas para completar a formación!

luns, 8 de abril de 2024

"Aquí tamén se fala" gaña o Premio Mil Primaveras



Aquí tamén se fala é un proxecto nacido en 2023 no IES Plurilingüe Rafael Dieste da Coruña da man do profesor Alberto Pombo en colaboración con Arcadio González, que activa a implicación do alumnado para concienciar o conxunto da sociedade sobre o uso da lingua.

Un proxecto sinxelo, ben planificado e cun excelente uso das redes sociais, que no curso actual xa se espallou por 200 centros por todo o país, demostrando que é un modelo perfectamente replicable.

O xurado salientou a súa planificación, con obxectivos xerais e específicos moi ben definidos e medibles, que presenta a lingua en positivo e converte as persoas destinatarias en axentes implicadas no proceso. Dirixido desde o ámbito escolar a outros sectores da sociedade, intervén nun contexto complexo, con poboación de 25 nacionalidades, e consegue motivar o alumnado e situar o galego como elemento de integración e cohesión social.

O xurado tamén salientou que é unha acción que favorece a reflexión e que comunica con moita efectividade.

Parabéns para todo o alumnado e o profesorado implicado!

domingo, 7 de abril de 2024

Como ensinamos a Xeografía e a Historia

O Departamento de Xeografía e Historia do IES Rafael Dieste presenta o vídeo “Unha viaxe pola historia”.

Este traballo, xa presentado nas xornadas de portas abertas do pasado mes de marzo, recompila algúns dos proxectos levados a cabo nos últimos cursos.

Desde proxectos interdisciplinares a proxectos de aula nos que o alumnado é o protagonista da súa aprendizaxe. Apostamos por unha metodoloxía activa, integradora e inclusiva e por un ambiente de convivencia positiva na aula.

Desfrutade do vídeo, unha viaxe pola historia.


xoves, 4 de abril de 2024

Visita a Santiago. Pórtico da Gloria e cubertas da Catedral

O pasado 19 de marzo, alumnado de Historia da Arte de 2º de bacharelato do IES Plurilingüe Rafael Dieste visitaron o Pórtico da Gloria e as cubertas da Catedral de Santiago de Compostela.




Visita ao Museo de Belas Artes da Coruña

O pasado 12 de marzo, o alumnado de 2º de bacharelato do IES Plurilingüe Rafael Dieste visitou o Museo de Belas Artes da Coruña.




IES Plurilingüe 'RAFAEL DIESTE' é centro Mus.e


"AQUÍ TAMÉN SE FALA GALEGO"

"AQUÍ TAMÉN SE FALA GALEGO"
Actividade de Dinamización Lingüística

MUSE VIDEOS 2022

Seguidores