sábado, 30 de marzo de 2024

Homecoming 2024


Noraboa a todo o alumnado que participou no Homecoming 2024! Nos próximos días publicaremos máis imaxes, pero deixamos por aquí un pequeno sneak peek de todas as actividades que tiveron lugar o pasado 22 de marzo.

venres, 22 de marzo de 2024

Programa PIALE: experiencia de multiculturalidade en Canadá




Nesta Semana Cultural, sobre “Cultura de Fusión”, as profesoras Dona Leticia Ogando López, de Educación Física, e Dona Isabel Viña Vilas, de inglés, ofreceron sendas charlas sobre a súa experiencia de multiculturalidade en Canadá, como participantes no programa PIALE, para o alumnado de 3º e 4º de ESO e para o profesorado. Tratáronse tamén as diferencias en ambos sistemas educativos e o alumnado amosou grande interese por aqueles aspectos que poderían ser transferibles ao noso centro.




Fin da visita a Francia de alumnado de 3º e 4º de ESO


Finalizou a viaxe a Quimper, primeira parte do intercambio co instituto Brizeux. En maio recibiremos aos/ás correspondentes en Coruña. Aquí podedes ver fotos das actividades dos dous últimos días e da cidade de Quimper.




Información sobre bolsas de estudo MEC 2024/2025

Aberto ata as 15 horas do 10 de maio de 2024 o prazo de presentación de solicitudes para bolsas de estudo MEC 2024/2025.

No seguinte ficheiro pdf pode consultar un resumo con información sobre persoas destinatarias e sobre o procedemento de solicitude.

Para máis información: https://www.becaseducacion.gob.es/

mércores, 20 de marzo de 2024

Visita a Francia de alumnado de 3º e 4º de ESO

Continúa a visita a Francia de alumnado de 3º e 4º de ESO. O pasado luns 18 de marzo o alumnado do intercambio visitou o acuario e centro de investigación marítima da preciosa localidade de Concarneau.



Celebración do Día Internacional das Matemáticas

Para celebrar o Día Internacional das Matemáticas, profesorado do IES Plurilingüe Rafael Dieste preparou varios "roscos" de contido matemático. Na actividade, que se desenvolveu entre os días 13 e 15 de marzo, participou alumnado de todos os niveis de educación secundaria e de 1º de bacharelato.

venres, 15 de marzo de 2024

Visita a Francia de alumnado de 3º e 4º de ESO

Hoxe o alumnado realizou actividades no instituto, unha visita guiada pola cidade de Quimper e un xogo de pistas por grupos no centro histórico.

Pasarán a fin de semana coas familias francesas. A pasalo moi ben!!!



Primeiro premio na Olimpíada Filosófica de Galicia

Onte tivo lugar a final galega da Olimpíada Filosófica. Como sempre, foi na Universidade de Filosofía en Santiago de Compostela. A cuestión proposta este curso foi "que é ocio?".

A alumna Marian Artahona, de 4º ESO, defendeu de xeito admirable o seu traballo na modalidade de fotografía filosófica e acadou o Primeiro Premio de Galicia. A final nacional será en abril en Bilbao. Noraboa, Marian!!!

Masterclass de Física de Partículas

O pasado martes 13 de marzo, dous alumnos de Física de 2º de bacharelato, Alejandro Fernández e Roque Torre, asistiron á "Masterclass de Física de Partículas" promovida pola Universidade da Coruña.

Nesta actividade puideron traballar con simuladores reais de choque de protóns (o que se leva a cabo no acelerador de partículas do CERN) e analizar o tipo de partículas emitidas nestes eventos.


Ademais, compartiron os resultados acadados con diferentes institutos de Irán, Alxeria e Grecia, e con dous físicos do propio CERN. Unha experiencia única!




Visita a Francia de alumnado de 3º e 4º de ESO


Esta semana, alumnado de 3º e 4º do IES Plurilingüe Rafael Dieste saíu de viaxe de camiño a Quimper, onde se encontrarán con compañeiros e compañeiras franceses. Boa viaxe a todos e todas!



Actividades do 8-M, Día Internacional da Muller

Con motivo da celebración do Día Internacional da muller, inaugurouse no instituto un Punto Violeta. Trátase dun Punto de seguridade para a prevención da violencia de xénero , información e acompañamento. Un grupo de profesorado e alumnado está a formarnos na materia.

Ademais, realizouse unha exposición de mulleres referentes e un club de encontro de chapas reivindicativas.


xoves, 14 de marzo de 2024

Alumnas do IES Plurilingüe Rafael Dieste premiadas no concurso literario "Rita Suárez Amado"


Por cuarto curso consecutivo, alumnas do IES Plurilingüe Rafael Dieste foron premiadas no Concurso Literario "Rita Suárez Amado" que organiza o IES Plurilingüe Eusebio da Guarda, e que leva xa dezanove edicións.

Entre elas, debemos destacar a Valeria Ortiz e Claudia García, que por terceira e por segunda vez, respectivamente, acadan premios neste concurso.

Un agradecemento especial á mestra xubilada Mercedes Garrote, que animou ao alumnado a participar no certame, axudándoos no proceso.

Parabéns!

Prazas vacantes do IES Plurilingüe Rafael Dieste para o curso 2024/2025

 

Na imaxe poden consultarse as prazas vacantes por nivel educativo do noso centro para o curso 2024/2025.

O prazo de presentación de solicitudes de admisión remata o 20 de marzo.

Pode acceder á aplicación web para a presentación de admisión a través da seguinte ligazón: https://www.edu.xunta.gal/admisionalumnado/

mércores, 13 de marzo de 2024

A xenética no Museo do Prado con Gonzalo Álvarez Jurado

O Xoves 7 de Marzo veu ao instituto Gonzalo Álvarez Jurado a falarnos de xenética. Mediante os cadros do Museo do Prado e outros, onde se representan a dinastía dos Habsburgo (Casa de Austria), falou de consanguinidade, de fenotipo, de xenotipo, etc.

A conferencia foi unha clase maxistral de xenética e de arte.

Máis información




venres, 8 de marzo de 2024

INTERCAMBIO 2023-24 ALKÖNIGSCHULE, KRONBERG - RAFAEL DIESTE, A CORUÑA


Hoxe rematan as actividades da segunda parte do Intercambio 2023-24 KRONBERG-A CORUÑA. A estadía dunha semana rematará mañá cando regresen a casa. Aquí tedes unha recopilación das fotos de todo o grupo que fixemos durante as actividades, tedes toda a información completa no blog de inglés nesta ligazón: INTERCAMBIO 2023-24 - KRONBERG 



IES Plurilingüe 'RAFAEL DIESTE' é centro Mus.e


"AQUÍ TAMÉN SE FALA GALEGO"

"AQUÍ TAMÉN SE FALA GALEGO"
Actividade de Dinamización Lingüística

MUSE VIDEOS 2022

Seguidores