mércores, 15 de maio de 2024

Obradoiro sobre nutrición e industria alimentaria

A pasada semana semana o alumnado de 4º de ESO participou nun Obradoiro sobre nutrición e industria alimentaria organizado polo Departamento de Educación Física e impartido pola profesora do CIFP Paseo das Pontes, Ana Fernández Rodríguez, e outras compañeiras. Neste obradoiro o alumnado tivo a oportunidade de analizar o azucre, as graxas saturadas e a cafeína contida en diferentes alimentos e bebidas.









luns, 13 de maio de 2024

Imaxes que conmoveron ao mundo

Este é un proxecto baseado nas fotografías máis conmovedoras da nosa historia recente.

O alumnado de 1º de Bacharelato do IES Rafael Dieste da Coruña organiza unha exposición que non deixará indiferente a ninguén.

A bomba de Hiroshima, a nena Kim Phuc fuxindo do horror do napalm, Hitler na toma de París, nenos xogando mentres o muro de Berlín está en construción, a caída do muro que dividía a cidade, imaxes do atentado do 11S… son algunhas das fotografías que podedes ver estes días nos corredores do noso centro.

Investigamos cada fotografía, que historia hai detrás de cada unha delas, situamos cada imaxe no seu contexto histórico e exploramos a nosa vinculación emocional coa fotografía escollida.

O alumnado de 1º de Bacharelato da materia de Historia Contemporánea explica ao alumnado de 3º ESO e 4º de ESO cada unha das imaxes.

Proxecto caixa organizadora con divisións

O alumnado de 1º ESO de IES Plurilingüe Rafael Dieste fabricou, como parte dun proxecto na materia de Tecnoloxía e Dixitalización, unha caixa con divisións, feita con madeira DM, cortada e decorada con pintura.






domingo, 12 de maio de 2024

VII Xornadas de Mediación escolar

Os días 10 e 24 de abril tiveron lugar as VII Xornadas de Mediación escolar.

A mediación escolar é unha forma alternativa de resolver conflitos entre iguais. Manuel Santos, que foi profesor no noso centro, iniciou esta forma de resolución de conflitos no IES Rafael Dieste tras unha longa experiencia no IES Afonso X O Sabio de Cambre.


O novo alumnado mediador asistiu á formación co fin de familiarizarse cos pasos a seguir nunha mediación, ademais de traballar as cualidades que debemos ter en conta no proceso:   empatía, escoita activa e asertividade. 

O vindeiro 11 de xuño terá lugar unha saída con todo o alumnado mediador.

Dámoslle a benvida ás novas persoas mediadoras!



Gaza hoxe: charla con Sara Ashour

O venres día 3 de maio, o alumnado de 4 ESO e de 1º Bacharelato da materia de Historia Contemporánea, asistiu á charla organizada desde o equipo da Biblioteca do IES Rafael Dieste. 

Na actividade contamos coa presenza de Sara Ashour, unha universitaria de orixe palestina nacida en Gaza e afincada en Santiago de Compostela. A charla ven promovida pola Fundación Araguaney, unha sociedade sen ánimo de lucro e un referente en Galicia desde 1985 que coopera na difusión da diversidade cultural.

Sara chegou a Galicia con cinco anos. Desde aquela regresou a Gaza en varias ocasións, ata 2014, debido ao agravamento da situación en Gaza. Hoxe en día, parte da súa familia está alí, ademais das súas amizades.

Sara está visitando diferentes centros educativos co fin de presentar e sensibilizar aos adolescentes do que está a pasar na franxa de Gaza, o seu bloqueo e o desastre humanitario xerado por un conflito que parece non ter fin. 

Tras visionar o vídeo “Gaza”, Sara explicounos a orixe do conflito israelí-palestino e a situación a día de hoxe, respondendo ás preguntas do alumnado.

xoves, 9 de maio de 2024

VIII Torneo Intercentros de Xadrez

Un curso máis participamos nesta convocatoria de xadrez. Nesta ocasión celebrouse no IES Fernando Wirtz. Os nosotros finalistas Franco Gabriel Franco e Xavi Lemus, na categoría junior, e Daniel Rey (Campión do Dieste 24), Bruno Picos e Miguel Fernández, en senior, xogaron e gozaron da xornada. E máis aínda, xa que volvamos co Primeiro Premio junior nas mans de Franco. Noraboa!!!







martes, 7 de maio de 2024

23 de abril. Día Internacional do Libro


Para celebrar este día Departamento de Matemáticas organizou unha exposición de
lapbooks ou libros creativos. Alumnado de diversos grupos elaborou estas marabillas que aínda podemos admirar na cortina do instituto.




Por outra banda, a biblioteca pediu a participación do alumnado na campaña "Unha página, un caramelo por saborear".


Enchéronse taboleiros coas lecturas favoritas da xente do Rafael Dieste.








IES Plurilingüe 'RAFAEL DIESTE' é centro Mus.e


"AQUÍ TAMÉN SE FALA GALEGO"

"AQUÍ TAMÉN SE FALA GALEGO"
Actividade de Dinamización Lingüística

MUSE VIDEOS 2022

Seguidores