Hoxe, martes 13 de maio, alumnado de 4º de ESO do IES Plurilingüe Rafael Dieste visitou o Museo de Belas Artes da Coruña.
martes, 13 de maio de 2025
domingo, 27 de abril de 2025
“Amor de auga lixeira” Premio Imaxina 2024-25
“Amor de auga lixeira” gaña o Premio Imaxina 2024-25 do Concello da Coruña, na categoría de Compromiso social, polo traballo de reivindicación e recuperación do patrimonio que supoñen as fontes.
Neste proxecto colaboraron sete departamentos do centro: Bioloxía e Xeoloxía, Xeografía e Historia, Lingua Galega, Filosofía, Tecnoloxía, EDLG e Física e Química.
Parabéns a todas as persoas que participaron, e en especial ao alumnado que defendeu o proxecto: Mencía López, Evelyn Miranda, Martín Calviño e Natalia Hurtado.
mércores, 2 de abril de 2025
Visita ao Museo de Belas Artes da Coruña
Durante a mañá do martes 1 de abril, as alumnas de Historia da arte de 2º de bacharelato visitaron o Museo de Belas Artes da Coruña e o seu obradoiro de restauración.
venres, 7 de marzo de 2025
Visita a Santiago. Pórtico da Gloria e cubertas da Catedral
A semana pasada, o alumnado de Historia da Arte de 2º de bacharelato e o alumnado voluntario da biblioteca do IES Plurilingüe Rafael Dieste visitou o Pórtico da Gloria e as cubertas da Catedral de Santiago de Compostela.
mércores, 19 de febreiro de 2025
Cartas desde a trincheira
Un ano máis o alumnado de 1º de Bacharelato da materia de Historia do Mundo Contemporáneo presentou na biblioteca a exposición: Cartas desde a trincheira. Trátase dunha actividade de transformismo histórico na que os estudantes teñen que poñerse na pel daqueles soldados, enfermeiras e médicos que coñeceron e viviron na trincheira e na retagarda durante a Grande Guerra.
Tras unha explicación sobre os aspectos máis relevantes da I Guerra Mundial o alumnado fixo unha lectura de diferentes fragmentos das súas cartas ficticias enviadas aos seus pais, noivas e noivos... aos seus seres queridos. Nas cartas expresan o horror, a crueldade e o absurdo e o despropósito de todas as guerras.
É a nosa homenaxe á conmemoración do Día da Paz.
luns, 17 de febreiro de 2025
Homenaxe ao represaliado coruñés José Albedro Villaverde
Durante a xornada do pasado martes (11/02/2025), o alumnado do IES Rafael Dieste sumouse á organización e condución dun acto en homenaxe do represaliado coruñés José Albedro Villaverde (1907-1943), en colaboración coa Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica.
Abriu o acto unha intervención musical en gaita e tamboril -programada desde o departamento de Historia- interpretada polos músicos Marco e Hugo.
A alumna Mencía López tomou o micrófono para falar sobre a importancia de dar visibilidade a quen tivo que pagar coa vida o exercicio da liberdade. A seguir, Leo Torres explicou un fragmento biográfico sobre o paso de Rafael Dieste por un campo de concentración en 1936. Julieta Pérez, pola súa banda, centrou a intervención na cronoloxía vital de José Albedro reflexionando sobre a importancia de coñecermos o noso pasado máis recente.
O acto continuou aínda cunha intervención de Carmen Rodeja, presidenta da ARMH, así como dos familiares presentes na homenaxe.
domingo, 26 de xaneiro de 2025
Portas Abertas: unha viaxe pola historia
Desde o departamento de Xeografía e historia presentamos este vídeo que resume a visión do ensino desta materia e as metodoloxías activas empregadas, así como unha escolma das actividades realizadas nos últimos anos.
martes, 10 de decembro de 2024
Arte e xustiza: ilustramos os Dereitos Humanos
Unha exposición desde a materia de Historia do Mundo Contemporáneo de 1º Bacharelato que nos achega aos Dereitos humanos e ao mundo da arte.
A partir do 20 de novembro no IES Rafael Dieste na cortiza do corredor da biblioteca do IES Rafael Dieste organizada desde o Departamento de Xeografía e Historia.
O Día dos Dereitos Humanos conmemórase cada ano a nivel mundial para lembrar o compromiso proclamado pola Asemblea das Nacións Unidas en 1948 tras os horrores da II Guerra Mundial.
Este documento histórico afirma os dereitos inalienables que toda persoa ten como ser humano, independentemente de súa etnia, cor de pel, relixión, sexo, idioma, opinión política ou de calquera outra índole, orixe nacional ou social, posición económica, nacemento ou calquera outra condición.
A Declaración foi proclamada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en París, o 10 de Decembro de 1948. Establece, por primeira vez, os dereitos humanos fundamentais que deben protexerse no mundo enteiro.
venres, 15 de novembro de 2024
O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción
Nestes días podemos visitar no IES Rafael Dieste a exposición que leva por título O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción.
Percorrendo os 19 paneis que a forman comprendemos a situación de emerxencia climática do noso planeta na actualidade. Moitas das nosas actividades cotiás provocan directa ou indirectamente emisións de gases de efecto invernadoiro contribuíndo así ao cambio climático. Nas nosas mans está involucrase na loita contra este fenómeno global cuxas consecuencias vemos a diario: desxeo, subida do nivel do mar, tormentas e choivas devastadoras etc.
O obxectivo da mostra é contribuír ao coñecemento do quecemento climático, as súas causas e os seus efectos, ademais das medidas propostas para facerlle fronte.
É unha exposición itinerante cedida por CEIDA e organizada desde o Departamento de Xeografía e Historia. Os contidos e ferramentas da exposición están orientados ás materias de Xeografía de 1º ESO e Xeografía de 2º de Bacharelato.
É a noso tributo particular ao Mes da Ciencia.
luns, 27 de maio de 2024
Exposición na biblioteca: Cen anos con Tutankamon
Sabías que en novembro de 1922 foi descuberta intacta a tumba do faraón-neno Tutankamon?
Xa se cumpriron máis de cen anos deste gran acontecemento no Val dos Reis en Exipto. Por este motivo, o alumnado de 1º ESO D, conmemorou este histórico achado na materia de Xeografía e Historia.
Na biblioteca do IES Rafael Dieste e diante dun público numeroso de 3º ESO, ademais dalgúns pais, nais e irmáns, os nosos “guías por un día” ofrecéronnos amenas explicacións sobre aquel acontecemento clave e moitas máis cousas sobre o Antigo Exipto.
Aquí vos deixamos o vídeo realizado polo alumnado e unhas fotografías da exposición.
Grazas a todas as persoas pola colaboración prestada.
luns, 13 de maio de 2024
Imaxes que conmoveron ao mundo
Este é un proxecto baseado nas fotografías máis conmovedoras da nosa historia recente.
O alumnado de 1º de Bacharelato do IES Rafael Dieste da Coruña organiza unha exposición que non deixará indiferente a ninguén.
A bomba de Hiroshima, a nena Kim Phuc fuxindo do horror do napalm, Hitler na toma de París, nenos xogando mentres o muro de Berlín está en construción, a caída do muro que dividía a cidade, imaxes do atentado do 11S… son algunhas das fotografías que podedes ver estes días nos corredores do noso centro.
Investigamos cada fotografía, que historia hai detrás de cada unha delas, situamos cada imaxe no seu contexto histórico e exploramos a nosa vinculación emocional coa fotografía escollida.
O alumnado de 1º de Bacharelato da materia de Historia Contemporánea explica ao alumnado de 3º ESO e 4º de ESO cada unha das imaxes.
domingo, 12 de maio de 2024
Gaza hoxe: charla con Sara Ashour
O venres día 3 de maio, o alumnado de 4 ESO e de 1º Bacharelato da materia de Historia Contemporánea, asistiu á charla organizada desde o equipo da Biblioteca do IES Rafael Dieste.
Na actividade contamos coa presenza de Sara Ashour, unha universitaria de orixe palestina nacida en Gaza e afincada en Santiago de Compostela. A charla ven promovida pola Fundación Araguaney, unha sociedade sen ánimo de lucro e un referente en Galicia desde 1985 que coopera na difusión da diversidade cultural.
Sara chegou a Galicia con cinco anos. Desde aquela regresou a Gaza en varias ocasións, ata 2014, debido ao agravamento da situación en Gaza. Hoxe en día, parte da súa familia está alí, ademais das súas amizades.
Sara está visitando diferentes centros educativos co fin de presentar e sensibilizar aos adolescentes do que está a pasar na franxa de Gaza, o seu bloqueo e o desastre humanitario xerado por un conflito que parece non ter fin.
Tras visionar o vídeo “Gaza”, Sara explicounos a orixe do conflito israelí-palestino e a situación a día de hoxe, respondendo ás preguntas do alumnado.
luns, 22 de abril de 2024
Visita ao Museo de Belas Artes da Coruña con alumnado de 4º ESO
O pasado luns 15 de abril, alumnado de 4º de ESO do IES Plurilingüe Rafael Dieste visitou o Museo de Belas Artes da Coruña.
domingo, 7 de abril de 2024
Como ensinamos a Xeografía e a Historia
O Departamento de Xeografía e Historia do IES Rafael Dieste presenta o vídeo “Unha viaxe pola historia”.
Este traballo, xa presentado nas xornadas de portas abertas do pasado mes de marzo, recompila algúns dos proxectos levados a cabo nos últimos cursos.
Desde proxectos interdisciplinares a proxectos de aula nos que o alumnado é o protagonista da súa aprendizaxe. Apostamos por unha metodoloxía activa, integradora e inclusiva e por un ambiente de convivencia positiva na aula.
Desfrutade do vídeo, unha viaxe pola historia.
xoves, 4 de abril de 2024
Visita a Santiago. Pórtico da Gloria e cubertas da Catedral
O pasado 19 de marzo, alumnado de Historia da Arte de 2º de bacharelato do IES Plurilingüe Rafael Dieste visitaron o Pórtico da Gloria e as cubertas da Catedral de Santiago de Compostela.















.jpg)
.jpg)
.jpg)
.jpg)
.jpg)