O alumnado de 1º de Bacharelato do IES Rafael Dieste visitou o Centro Ágora para presenciar un espectáculo que hibridou poesía e música. Unha oportunidade para poñer cara e son ás autoras dun dos libros cos que traballamos no centro, escrito a dúas mans polas poetas Lucía Aldao e María Lado: “Ninguén morreu de ler poesía” (Edicións Xerais, 2020).
Guiados pola man delas subimos até os tellados e mollamos os pés na praia das gaivotas. Deixamos os cines Equitativa atrás de nós e soubemos que as laranxas gardan o sabor da amizade. Aínda, e de xeito inesperado, obtivemos a licenza para odiar -e mesmo para moito amar- a poesía.
Confirmamos, tamén, que o alumnado desta casa disfrutou e celebrou a palabra, que se emocionou e riu e que -sen dúbida- forman parte do colectivo dos que aman.
Actividade organizada polo Departamento de Lingua Galega e o Equipo de Dinamización Lingüística do IES Rafael Dieste en colaboración coa Área de Normalización Lingüística do Concello da Coruña e o programa Falamos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario