Presentouse hoxe en rolda de prensa no IES Plurilingüe Rafael Dieste o cartaz do primeiro festival de música en galego “Aquí Tamén Se Fala”, que se celebrará no venres 7 de xuño a partir das 17:00h na praza da Tolerancia, na Coruña.
O cartaz constitúe o colofón a unha iniciativa cultural sen precedentes na historia da dinamización lingüística do país á que se sumaron máis de 200 centros educativos de todos os niveis de ensino, clubes deportivos profesionais de primeiro nivel, referentes do mundo cultural e máis de 25.000 rapaces traballando de forma activa.
Organizado desde o instituto público coruñés supón un fito histórico pois representa a materialización dun festival de música profesional promovido desde un centro de ensino. Programado pola mocidade e para a mocidade baixo coordinación de Arcadio González e Alberto Pombo, promotores da iniciativa cultural “Aquí tamén se fala galego”.
No acto celebrado na mañá do venres 19 de abril, participaron tamén os representantes institucionais da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, da Deputación e máis do Concello da Coruña, da Xefatura Territorial de Educación e do propio centro educativo, a carón dos organizadores e dos músicos Nuno Pico (Grande Amore) e May (Leria).
O festival gratuíto, aberto a toda a mocidade e cidadanía, queda constituído na súa primeira edición por bandas do máis alto nivel da escena galega: Grande Amore, Boyanka Kostova, Lontreira e Leria, e dá continuidade ao traballo desenvolvido por “Aquí tamén se fala” no campo audiovisual que se divulga nas redes sociais de Instagram, Tiktok e Youtube baixo o cancelo #AquíTaménSeFala.
Gratuíto, monolíngüe en galego, aberto á cidadanía, horizontal e organizado desde un instituto público da Coruña rico e diverso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario