mércores, 25 de xaneiro de 2023

CONVOCATORIA "IDIOMAS DO MUNDO 2023" DO CONCELLO DE A CORUÑA

 


Achegamos bases e información relativa á apertura do prazo de inscrición para participar no programa Idiomas do Mundo 2023, que subvenciona estancias durante un mes en Irlanda, Francia e Portugal para o alumnado de 1º de Bacharelato e que estudou 4º da ESO no curso pasado.

 
Desde mañá mércores e ata o 9 de febreiro xa estará aberto o prazo de inscrición para as solicitudes de participación no programa Idiomas do Mundo 2023, que ofrece a oportunidade ao alumnado que cursa 1º de Bacharelato o presente curso 2022-23 de realizar unha actividade de inmersión lingüística no verán para mellorar a súa competencia en idiomas estranxeiros. O prazo de inscrición estará aberto desde o 25 de xaneiro ata o 7 de febreiro, ambos días incluídos.

A convocatoria establece un mínimo de dez estancias durante catro semanas, preferentemente no mes de xullo, en Irlanda, Francia e Portugal, para polo menos un total de trinta entre os tres destinos.
 
Os requisitos para poder participar no programa son os de estar empadroado no Concello da Coruña con algún proxenitor ou representante legal no momento da solicitude, estar a cursar 1º de Bacharelato nun centro educativo da cidade, obter unha cualificación media de 7 en 4º de ESO e non contar con ningunha materia suspensa, obter unha cualificación mínimo de 8 en 4º de ESO na materia de lingua estranxeira para a que se solicita praza (inglés, francés, portugués ou galego), aínda que no caso de cursar algún destes idiomas na Escola Oficial de Idiomas poderase alegar a nota obtida nesta; e estar en posesión do DNI, pasaporte ou NIF, ademais de dispoñer con 15 días de antelación ao comezo da estancia do visado, no caso de que sexa necesario por parte da persoa solicitante.
 
O alumnado seleccionado poderá ser beneficiario dunha subvención total ou parcial en función das circunstancias económicas familiares, segundo unha táboa que figura nas bases do programa. O importe do custo/praza está aínda por determinar.
 
baremación das solicitudes realizarase de acordo á nota media obtida en 4º de ESO, ata un máximo de 6 puntos, de tal maneira que se a nota media é superior a 7 e igual ou inferior a 8 outorgarase 2 puntos; se é superior a 8 e igual ou inferior a 9, serán 4 puntos, e se é superior a 9, serán 6 puntos. A cualificación de lingua estranxeira estará valorada en 3 puntos se é superior a 8 e igual ou inferior a 9, e de 6 puntos se é superior a 9. Cando se acredite a existencia dunha situación de discapacidade da persoa solicitante nun grao igual ou superior ao 33% outorgaránselle 2 puntos na baremación.
 
A renda económica familiar non será baremada aínda que permitirá establecer a porcentaxe de subvención por parte do Concello e a achega que terán que realizar as persoas solicitantes en caso de non ser beneficiarios dunha subvención total.
 
A inscrición terá que ser realizada a través de calquera dos rexistros municipais (María Pita, Franxa, Fórum Metropolitano, Ágora e centro cívico de Mesoiro) solicitando cita previa, no rexistro telemático da sede electrónica municipal ou en calquera dos lugares establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2012, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
 
Para formalizar a inscrición será necesario achegar toda a documentación, recollida nas bases que se poden consultar na web educativa www.coruna.gal/educacion
 
Para máis información:  
educación@coruna.es
981184200, extensión 12114

Ningún comentario:

Publicar un comentario

IES Plurilingüe 'RAFAEL DIESTE' é centro Mus.e


"AQUÍ TAMÉN SE FALA GALEGO"

"AQUÍ TAMÉN SE FALA GALEGO"
Actividade de Dinamización Lingüística

MUSE VIDEOS 2022

Seguidores