domingo, 26 de xaneiro de 2025

Portas Abertas: unha viaxe pola historia

Desde o departamento de Xeografía e historia presentamos este vídeo que resume a visión do ensino desta materia e as metodoloxías activas empregadas, así como unha escolma das actividades realizadas nos últimos anos.

Portas Abertas: A biblioteca, un espazo activo e creativo

A través da exposición que se pode visitar estes días, Retorno ao Medievo, presentamos os programas e actividades que se desenvolven na biblioteca do IES Rafael Dieste: os clubs de lectura (banda deseñada en galego, manga, lectura en portugués e club de novela negra para os adultos), os clubs de encontros (electrónicos, xadrez, lingua de signos e grupos de debate), a Semana Cultural (proxecto interdisciplinar de centro dedicado este curso á lusofonía),  Radio na biblio, Hora de ler e as actividades en relación coas datas especiais e conmemoracións (Día do Libro, Día das Bibliotecas, Samaín…), exposicións temáticas etc.

Mediante estes programas e actividades desexamos converter a biblioteca nun espazo activo, dinámico, creativo, de ocio e de lecer, ademais dun lugar de traballo e de investigación. Todo isto non sería posible sen a gran axuda  das mais de 30 persoas voluntarias, rapaces e rapazas de ESO e Bacharelato comprometidas neste espazo e lugar de convivencia positiva. 

luns, 13 de xaneiro de 2025

Xornada de portas abertas martes 14 de xaneiro de 2025

O IES Plurilingüe Rafael Dieste convida a familias e alumnado a unha xornada de portas abertas para dar a coñecer o centro o martes 14 de xaneiro ás 18:30 horas, no salón de actos do instituto.

Ademais do equipo directivo, participará tamén parte do profesorado do centro, que presentará varias actividades e proxectos.

En caso de non poder asistir, é posible concertar unha cita a través do enderezo ies.rafael.dieste@edu.xunta.gal.

xoves, 9 de xaneiro de 2025

“Aquí Tamén Se Fala”: Premio á innovación educativa de Galicia

O IES Rafael Dieste vén de acadar o galardón con maior prestixio e dotación económica destinada á innovación educativa e que recoñece os proxectos de maior impacto e proxección no país que inciden de forma positiva na calidade do ensino, Innovagal.

Cunha dotación de 10.000 euros, este recoñecemento súmase a outros como o Rosalía de Castro de Lingua da Deputación da Coruña, o do Fórum Europeo do Ensino, o de Innovación da SXL da Xunta de Galicia ou o Mil Primaveras da Comisión de Técnicos/as de Normalización da lingua.

200 centros de ensino, 20.000 estudantes

A iniciativa cultural, que impulsan os profesores Alberto Pombo, Mónica Reigía e Arcadio González, e que no curso pasado contou coa colaboración de Rubén Melide e Andrea Trasancos, converteuse na maior campaña de dinamización da lingua galega da historia, liderada por máis de 20.000 estudantes de 200 centros de ensino de todo o país que exerceron accións reais de dinamización porta a porta por máis de 50.000 espazos públicos e privados. 

De Viggo Mortensen ao fútbol profesional

Deseñada para conseguir o impacto viral nas redes sociais, “Aquí tamén se fala” contou con apoios de referentes culturais nacionais e internacionais como Viggo Mortensen, James Rhodes, Tanxugueiras, Fermín Muguruza, Amaia ou Eduardo Sáez de Cabezón, alén de conseguir que os principais clubs deportivos galegos (Deportivo, Celta, Racing, Lugo, Balonmán Cangas, Obradoiro, Breogán, Voleibol Emevé ou Fútbol Sala Burela, entre outros) se sumasen a unha campaña xa histórica.

Rexistrando a banda sonora do país

“Aquí tamén se fala” é tamén unha actividade de formación para o alumnado do IESP Rafael Dieste na que se imparten obradoiros de gravación, edición audiovisual e creación musical con expertos do sector como Tomás Ageitos (Estudios A Ponte), Alberto Castaño (Axencia G) ou Nuno Pico (Grande Amore), e grazas aos que o alumnado leva adiante producións audiovisuais profesionais nas que rexistran actuacións en directo dos principais referentes da música galega actual: Fillas de Cassandra, Xabier Díaz, Antía Muíño, Amancio Prada, Ataque Escampe, Xoan Rubia etc.

Festival de música “Aquí tamén se fala”

Aínda, este grupo de estudantes e profesores, conseguiron poñer en marcha o que probablemente sexa o único festival de música profesional organizado dende un instituto público e aberto a toda a cidadanía, que conseguiu congregar na súa primeira edición a preto de 5.000 persoas na praza da Tolerancia da Coruña perante bandas como Grande Amore, Boyanka Kostova, Lontreira ou Leria.



IES Plurilingüe 'RAFAEL DIESTE' é centro Mus.e


"AQUÍ TAMÉN SE FALA GALEGO"

"AQUÍ TAMÉN SE FALA GALEGO"
Actividade de Dinamización Lingüística

MUSE VIDEOS 2022

Seguidores