venres, 21 de xuño de 2024

MEGABAU 2024

Hoxe celebrouse no Coliseum da Coruña o evento MEGABAU 2024, un evento de homenaxe ao estudantado con mellores expedientes Galicia ABAU 2024 e aos seus centros educativos.

Entre os premiados estaban catro alumnos e alumnas do IES Rafael Dieste, Angélica Iglesias Lorenzo, Isabel García Aller, Izan París Prado e Tomás Alonso Calvo, acompañados de Carlos Blanco Dávila, profesor de Lingua Castelá e Literatura .

Parabéns a todos/as e moitísima sorte no futuro!!!






xoves, 20 de xuño de 2024

martes, 18 de xuño de 2024

Semana cultural no IES Rafael Dieste: Cultura de fusión

Este curso a Semana Cultural, celebrada no mes de marzo, foi dedicada á cultura de fusión. No noso centro hai unha porcentaxe importante de alumnado procedente do estranxeiro polo que a riqueza cultural está moi presente. 

De aí que, desde os diferentes departamentos didácticos, se proxectaran e levaran a cabo diferentes actividades e dinámicas orientadas á fusión de culturas, unha realidade na nosa sociedade. 

Como podedes ver no vídeo as manifestacións culturais foron moitas: Bocados do planeta, un percorrido polas mesas do mundo, Experiencias fusión levadas a cabo en Canadá e desde Tailandia, charlas desde Ecos do Sur, Migrantes, cartas, relatos e entrevistas, Xuízo á democracia, entre outras. 

A Semana Cultural pechouse co xa tradicional Homecoming que engloba deporte, concursos e o talent show para amosar as destrezas do alumnado máis creativo.

luns, 17 de xuño de 2024

domingo, 16 de xuño de 2024

Entrevista en RadioVoz a alumnado de 1º ESO C

O pasado mércores 12 de xuño, mentres realizaban a clase de Educación Física na praia de Riazor, o alumnado de 1º ESO C foi entrevistado no programa Voces de A Coruña de RadioVoz.

Saída a Buño-Verdes-Malpica

Como saída de fin de curso, o grupo de persoas mediadoras e o grupo de acollida do centro, visitamos Buño e Malpica.

En Buño asistimos a olería Aparicio onde contemplamos como se fai a cerámica: pratos, xerras, copas… Aprendemos todo o proceso que vai desde o torno do oleiro ata o forno. Pareceunos máxico!




A mediodía xantamos en Verdes, á beira do río: un lugar para perderse polas sendas e corredoiras, ademais de poder contemplar os seus muíños. Un recuncho saído dun conto de fadas.





Tras xantar neste verde paraíso, viaxamos cara Malpica a visitar a nave de redeiras para coñecer o seu traballo. Sabes que as atadeiras (que é como se chama este tradicional oficio) conseguiron, ao igual que os mariñeiros, reducir a súa idade de xubilación? É un traballo moi duro e de moitas penalidades, por isto poden retirarse 10 anos antes que o resto dos traballadores.

Finalmente visitamos a lonxa, alí asistimos a unha poxa de peixe do dia. 


Unha saída para convivir!

xoves, 13 de xuño de 2024

100% de aprobados do IES Rafael Dieste na ABAU de xuño de 2024


Todo o alumnado do IES Plurilingüe Rafael Dieste aprobou as probas de ABAU de xuño de 2024! A media do centro foi de 7,09. Parabéns a todos e todas!!!



xoves, 6 de xuño de 2024

O alumnado de 2º de Bacharelato nas ABAU

Despois de todo o curso estudando, rematamos coas probas de ABAU na Facultade de Dereito. Aínda que esgotados e esgotadas, todo o alumnado sae, en xeral, satisfeito. Agora a esperar ata o 13 de xuño, día no que se publican os resultados. Moita sorte!!!



domingo, 2 de xuño de 2024

Visita de alumnado francés de intercambio

Despedimos este domingo ao alumnado francés que nos acompañou esta semana, finalizando o intercambio que comezou en Quimper no mes de marzo.

Asistiron a clases no instituto, visitaron diferentes lugares e museos de Coruña, Santiago e camiñaron pola costa de Oleiros. O venres fomos recibidos no Concello onde se puido sentir o bo ambiente que reinou en todo momento entre os tres centros participantes: IES Rafael Dieste, IES A Sardiñeira e Lycée Auguste Brizeux.

Moitas grazas a alumnado e familias pola colaboración. Esperamos que servise para coñecer mellor o noso país veciño e que, coma nos, recordedes sempre con cariño este intercambio. Merci!





Roteiros ciclistas pola cidade

Esta semana comezamos cos roteiros ciclistas polo carril bici da nosa cidade con alumnado de 3º de ESO. O obxectivo é que utilicen a bicicleta como medio de transporte e de lecer, cumprindo as normas de circulación. Fixérono fenomenal!






sábado, 1 de xuño de 2024

Día das Letras Galegas: Luisa Villalta

Celebramos este día cunha exposición de deseños de portadas de libros de poemas da escritora.





Tamén convocamos a III edición do concurso de microrrelatos Palabras Mínimas.

Encontro de xadrez


O equipo de xadrez do instituto participou no encontro que tivo lugar no colexio Obradoiro o venres 24 de maio. Cada centro aportaba dous equipos de catro xogadores/as. E, unha vez máis, voltamos con trofeo: un terceiro posto acadado por Daniel Rey, Franco Gabriel Franco, Bruno Picos e Miguel Fernández. Parabéns a todas as persoas que participaron!!!







IES Plurilingüe 'RAFAEL DIESTE' é centro Mus.e


"AQUÍ TAMÉN SE FALA GALEGO"

"AQUÍ TAMÉN SE FALA GALEGO"
Actividade de Dinamización Lingüística

MUSE VIDEOS 2022

Seguidores