Estes días puidemos visitar na biblioteca do IES Rafael Dieste unha exposición sobre a vida nas trincheiras durante a I Guerra Mundial.
Desde a materia de Historia Contemporánea de 1º de Bacharelato realizamos un exercicio de transformismo histórico. O alumnado púxose na pel daqueles soldados, enfermeiras e médicos que coñeceron e viviron na trincheira e na retagarda durante a Grande Guerra.
Ademais da recreación dunha trincheira o alumnado explicou ao público de 3º ESO B, 4º ESO C e 1º Bacharelato A, o transcorrer da guerra, as súas causas, o seu impacto, o papel da muller na contenda, os inventos que saíron desta contenda e tamén as curiosidades como a famosa tregua do Nadal de 1914 na que a guerra se detivo de maneira espontánea e os bandos contrarios compartiron unhas horas xuntos.
Finalmente, o alumnado da materia de Historia Contemporánea fixo unha lectura das cartas que eles e elas mesmos redactaron facéndose pasar por aqueles protagonistas anónimos da I Guerra Mundial.
A exposición desenvolveuse no marco dos actos de conmemoración no centro educativo polo Día da Paz.
Ningún comentario:
Publicar un comentario