martes, 10 de decembro de 2024

Arte e xustiza: ilustramos os Dereitos Humanos

Unha exposición desde a materia de Historia do Mundo Contemporáneo de 1º Bacharelato que nos  achega aos Dereitos humanos e ao mundo da arte.

A partir do 20 de novembro no IES Rafael Dieste na cortiza do corredor da biblioteca do IES Rafael Dieste organizada desde o Departamento de Xeografía e Historia.

O Día dos Dereitos Humanos conmemórase cada ano a nivel mundial para lembrar o compromiso proclamado pola Asemblea das Nacións Unidas en 1948 tras os horrores da II Guerra Mundial.

Este documento histórico afirma os dereitos inalienables que toda persoa ten como ser humano, independentemente de súa etnia, cor de pel, relixión, sexo, idioma, opinión política ou de calquera outra índole, orixe nacional ou social, posición económica, nacemento ou calquera outra condición.

A Declaración foi proclamada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en París, o 10 de Decembro de 1948. Establece, por primeira vez, os dereitos humanos fundamentais que deben protexerse no mundo enteiro.







XV edición da Ciencia en Galego. Videoconfenrecia de Begoña Vila

O pasado 19 de novembro tivemos no IES Rafael Dieste, con motivo da celebración de XV edición da Ciencia en Galego, a Begoña Vila en videoconferencia desde o Centro de Voo espacial Goddard, en Estados Unidos.


O alumnado de 4º de ESO de bioloxía e xeoloxía seguiu a conferencia desde o Salón de actos do instituto e fíxolle preguntas a través do chat de YouTube.




Conferencia Mundos inseguros: Hacking

O pasado mércores 14 de novembro o alumnado de 1º de ESO asistiu ao Teatro Colón á conferencia "Mundos inseguros. Hacking", do evento Comunica Ciencia, co experto en ciberseguridade Kike Fontán. A actividade foi organizada polo departamento de Bioloxía e Xeoloxía.

Tal e como comentou Kike durante a sesión, "para hackear non fai falta saber de computadores, soamente aproveitarse da confianza cega das persoas. Ensinareivos como pensan os malos, para que saibades o vulnerables que sodes".





domingo, 24 de novembro de 2024

Cara o 25N

Pensando xa na conmemoración do 25N, o noso expositor da biblioteca énchese de lecturas onde a muller é a protagonista. Desde Persépolis de Marjane Satrapi á Volta ao mundo en 72 días de Nellie Bly, ou a novela gráfica Sufragista, Quiéreme bien o La mujer rebelde, son algunhas das propostas de lectura, entre outras moitas, para este mes.

Sabías que... pola Resolución 54/134 de 17 de decembro de 1999, da Asemblea Xeral da ONU, o 25 de novembro foi designado Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller?

Ademais, estes días podedes ver na cortiza do corredor da biblioteca algúns dos carteis máis coñecidos nos últimos anos sobre o 25N, Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller. Son carteis que foron protagonistas das campañas pola igualdade desde diferentes comunidades Autónomas.





Novos clubs de lectura

Esta semana desenvolvéronse as primeiras sesións de reunións de dous novos clubs. Por un lado, o club de banda deseñada en galego coordinado pola profesora Begoña Pérez e, por outro lado o club de novela negra dirixido a pais, nais e persoal do centro coordinado pola profesora Isabel González.

No club de banda deseñada elixíronse algunhas das lecturas a realizar e no club Negrísima abordouse o libro A muller de verde do islandés Arnaldur Indridasson. No libro combínanse unha triste historia do pasado que se vai fiando a partir duns restos atopados no barrio do Milenario en Reickiavic e a historia do presente, protagonizada polo inspector Erlendur.

Na reunión achegámonos á un lugar afastado, Islandia, á súa paisaxe abafante, a súa sociedade, así como aos trazos da idiosincrasia deste país e as súas xentes.

venres, 15 de novembro de 2024

O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción

Nestes días podemos visitar no IES Rafael Dieste a exposición que leva por título O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción.

Percorrendo os 19 paneis que a forman comprendemos a situación de emerxencia climática do noso planeta na actualidade. Moitas das nosas actividades cotiás provocan directa ou indirectamente emisións de gases de efecto invernadoiro contribuíndo así ao cambio climático. Nas nosas mans está involucrase na loita contra este fenómeno global cuxas consecuencias vemos a diario: desxeo, subida do nivel do mar, tormentas e choivas devastadoras etc.

O obxectivo da mostra é contribuír ao coñecemento do quecemento climático, as súas causas e os seus efectos, ademais das medidas propostas para facerlle fronte.

É unha exposición itinerante cedida por CEIDA e organizada desde o Departamento de Xeografía e Historia. Os contidos e ferramentas da exposición están orientados ás materias de Xeografía de 1º ESO e Xeografía de 2º de Bacharelato.

É a noso tributo particular ao Mes da Ciencia.


Eleccións ao Consello Escolar. Candidaturas a representantes de pais/nais e convocatoria para a votación

Unha vez finalizado o prazo de presentación de candidaturas para a elección dos representantes de nais e pais do alumnado no Consello Escolar do centro, a Xunta Electoral do IES Plurilingüe Rafael Dieste fai pública a relación de nomes das candidaturas.

De acordo coa Convocatoria do día 30 de outubro, o próximo día 18 de novembro, en horario de 16:30 a 18:00 horas, celébrase neste Centro a votación para a elección de representantes dos pais, nais ou titores/as legais do alumnado no Consello Escolar do IES. Na seguinte circular está recollida a información sobre como participar na votación.

domingo, 10 de novembro de 2024

Estreamos nova web, bibliodieste.com

Cremos nunha biblioteca activa e creativa que sexa a guía dun gran feixe de actividades e proxectos no noso centro. Na nova web podedes atopar mes a mes todo isto e máis.

As nosas liñas prioritarias son: promover a integración e a inclusión, fomentar hábitos de lectura nos máis novos, abrir as actividades ás familias e a todo o persoal do centro, motivar ao alumnado, e lograr, ante todo, unha convivencia positiva nun lugar de encontro e de diálogo. A biblioteca convértese así nun hiperespazo onde teñen cabida o coñecemento, os xogos e a liberdade creativa.

luns, 4 de novembro de 2024

Contos terroríficos na biblioteca

De E. A. Poe a Lovecraft, pasando por G. A. Bécquer ou H. Quiroga, entre outros autores, mergulláronnos no terror neste Samaín.

O corazón delator, O barril de amontillado, O monte das ánimas e El almohadón de plumas, son algúns dos relatos elixidos para ler nestes días na biblioteca do IES Rafael Dieste.

Alumnado e profesorado introducíronnos neste xénero de terror.

Suspense, horror cósmico, novela gótica... un pouco de medo para o Samaín.

Seguimos dous días máis durante os recreos en streaming.





luns, 28 de outubro de 2024

Samaín 2024: Contos terroríficos

Por fin chega o Samaín! 

Gustounos tanto a actividade do Samaín pasado que repetimos os contos de terror na biblioteca. 

Podedes vir de público ou animarvos a contar unha historia de medo… Todo está preparado para emitir en streaming nun ambiente verdadeiramente terrorífico…

Alí estaremos con máis sorpresas nos recreos do martes 29 e do mércores 30 de outubro. Á volta da ponte, tamén nos recreos, os días 5 e  6 de novembro, seguiremos con contos de medo.



domingo, 27 de outubro de 2024

Entrevista a Juliamny e Jusvely, alumnas de 2º de bacharelato

Juliamny e Jusvely, alumnas de 2º de bacharelato do IES Rafael Dieste, contan nunha entrevista na Voz de Galicia a súa experiencia coa Lingua Galega e coa campaña Aquí tamén se fala!




24 de outubro: Día das bibliotecas

Como celebración do Día das Bibliotecas, varios grupos de ESO, enfrontáronse a un trepidante xogo de pistas para atopar os marcapáxinas esquecidos.

Por que deixamos abandonados os marcapáxinas? Igual porque o libro parécenos aburrido, ou esa páxina onde quedou o marcador asustounos ou non nos gustou nada…

O caso é que nos libros da nosa biblioteca hai unha morea de marcadores esquecidos e que están desexando saír desa páxina... xa!

Debemos liberalos do seu cativerio… Para iso seguimos unha serie de pistas para atopalos. A través dunha serie de operacións matemáticas puidemos abrir os armarios coa chave correspondente para atopar unha mensaxe secreta.





Visitas a biblioteca municipal Ágora

Estes días os grupos de 1º ESO visitaron a biblioteca municipal Ágora. O alumnado percorreu, da man de Eva Vieites e Nuria Rey, as diferentes salas de lectura e os espazos de ordenadores e reunións. Visitamos desde a sala dos máis pequenos ata a sala de adultos a que pode accederse a partir dos catorce anos.

No vindeiro mes de novembro a biblioteca terá dispoñible un bo número de xogos de mesa.

Por outro lado, o martes día 22, houbo un encontro do IES Agra do Orzán e do IES Plurilingüe Rafael Dieste, onde os docentes compartiron experiencias.

E ti, xa tes o carné de persoa usuaria da biblioteca Ágora?

Visita de exalumnos para compartir a súa experiencia no último curso

A semana pasado, os exalumnos de 2º de bacharelato Saúl, Hugo e Alejandro, visitaron o centro para explicar a súa experiencia no último curso, en relación á materia de Física. Foi un pracer recibilos, o alumnado de 1º e de 2º Bacharelato agradeceu moito que pasaran por aquí. Grazas!




venres, 18 de outubro de 2024

Os marcapáxinas esquecidos

Non podedes imaxinar cantos marcapáxinas esquecidos atopamos nos libros…

Senón, atende ao que din os libros larapeteiros nestas viñetas do periodista e humorista arxentino Rep.

A vindeira semana, na biblioteca do IES Rafael Dieste e como celebración do Día das Bibliotecas, buscaremos  eses marcapáxinas aburridos e esquecidos polos lectores.

Mediante un xogo de pistas desvelaremos onde se atopan. 

xoves, 17 de outubro de 2024

Misterio na biblioteca

Desaparecen as letras dos libros...os ordenadores non funcionan…

Unha estraña bacteria esténdese pola biblioteca do IES Rafael Dieste… como podemos detela?

Ao longo da vindeira semana…celebramos o día das Bibliotecas cun scape room

Non poderás saír da biblioteca ata atopar o antídoto que salve os libros e os ordenadores… 

Que grupo conseguirá a solución?

Os días 23, 24 e 25 de outubro: scape room na biblioteca.



mércores, 16 de outubro de 2024

Novas bibliotecas de aula

Para a Hora de ler, cada alumno ou alumna pode traer o seu libro para ler. De todas maneiras hai organizadas xa unhas pequenas bibliotecas de aula. Os libros están seleccionados por idades e son de temáticas e xéneros variados tendo en conta a diversidade no grupo.

O alumnado axudante de biblioteca (2 por aula) será o encargado de manter en orde e con mimo esta pequena biblioteca de aula. Queremos evitar que os libros estean tirados nun recuncho ou espallados por andeis sen ton nin son.

En cada aula estará colocado un cartel moi visual cunha cita sobre a importancia de ler. Estes forman parte desta campaña desde a Biblioteca para fomentar o gusto pola lectura, por un lado, e coidar os espazos e a Hora de Ler, por outro.

Mimemos estes espazos, que sexan bonitos e coidados polo alumnado!





luns, 14 de outubro de 2024

Comeza a Hora de ler

A hora de ler ten como obxectivo principal fomentar o gusto pola lectura entre os rapaces e rapazas. Está dirixida a todos os cursos de ESO.

Cada día dedicamos 20 minutos dunha sesión á lectura. 

  • Na semana que comezou o 7 de outubro: 20 minutos na 1º sesión da mañá
  • Na semana que comeza o 14 de outubro: 20 minutos na 2ª sesión da mañá
  • Na semana que comeza o 21 de outubro: 20 minutos na 3ª sesión da mañá

E así ata a segunda semana de decembro na que faremos un parón por mor da proximidade da avaliación. Os calendarios están visibles en cada aula.

O alumnado axudante será o encargado de lembrar o horario cada día ou semana aos seus compañeiros e aos profes, por se nos esquecemos.

O docente pode decidir na súa clase como establecer a Hora de Ler: o comezo ou ao final da sesión, lectura individual en silencio, lectura en alto, dramatizacións etc.



venres, 11 de outubro de 2024

Alumnado do IES Plurilingüe Rafael Dieste galardoado nos Premios Escola en Camiño

Sofía Carou, alumna de 4º de ESO foi galardoada na categoría de debuxo nos Premios Escola en Camiño, organizados por Faro de Vigo, A Opinión da Coruña e O Correo Galego, xunto coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades de FP.

Ademais, Leda Tinaquero, Valeria Ortiz e Daniel Rey, de 1º de bacharelato, recibiron o premio literario por grupos.


Parabéns a todas e todos!




IES Plurilingüe 'RAFAEL DIESTE' é centro Mus.e


"AQUÍ TAMÉN SE FALA GALEGO"

"AQUÍ TAMÉN SE FALA GALEGO"
Actividade de Dinamización Lingüística

MUSE VIDEOS 2022

Seguidores