luns, 28 de outubro de 2024

Samaín 2024: Contos terroríficos

Por fin chega o Samaín! 

Gustounos tanto a actividade do Samaín pasado que repetimos os contos de terror na biblioteca. 

Podedes vir de público ou animarvos a contar unha historia de medo… Todo está preparado para emitir en streaming nun ambiente verdadeiramente terrorífico…

Alí estaremos con máis sorpresas nos recreos do martes 29 e do mércores 30 de outubro. Á volta da ponte, tamén nos recreos, os días 5 e  6 de novembro, seguiremos con contos de medo.



domingo, 27 de outubro de 2024

Entrevista a Juliamny e Jusvely, alumnas de 2º de bacharelato

Juliamny e Jusvely, alumnas de 2º de bacharelato do IES Rafael Dieste, contan nunha entrevista na Voz de Galicia a súa experiencia coa Lingua Galega e coa campaña Aquí tamén se fala!




24 de outubro: Día das bibliotecas

Como celebración do Día das Bibliotecas, varios grupos de ESO, enfrontáronse a un trepidante xogo de pistas para atopar os marcapáxinas esquecidos.

Por que deixamos abandonados os marcapáxinas? Igual porque o libro parécenos aburrido, ou esa páxina onde quedou o marcador asustounos ou non nos gustou nada…

O caso é que nos libros da nosa biblioteca hai unha morea de marcadores esquecidos e que están desexando saír desa páxina... xa!

Debemos liberalos do seu cativerio… Para iso seguimos unha serie de pistas para atopalos. A través dunha serie de operacións matemáticas puidemos abrir os armarios coa chave correspondente para atopar unha mensaxe secreta.





Visitas a biblioteca municipal Ágora

Estes días os grupos de 1º ESO visitaron a biblioteca municipal Ágora. O alumnado percorreu, da man de Eva Vieites e Nuria Rey, as diferentes salas de lectura e os espazos de ordenadores e reunións. Visitamos desde a sala dos máis pequenos ata a sala de adultos a que pode accederse a partir dos catorce anos.

No vindeiro mes de novembro a biblioteca terá dispoñible un bo número de xogos de mesa.

Por outro lado, o martes día 22, houbo un encontro do IES Agra do Orzán e do IES Plurilingüe Rafael Dieste, onde os docentes compartiron experiencias.

E ti, xa tes o carné de persoa usuaria da biblioteca Ágora?

Visita de exalumnos para compartir a súa experiencia no último curso

A semana pasado, os exalumnos de 2º de bacharelato Saúl, Hugo e Alejandro, visitaron o centro para explicar a súa experiencia no último curso, en relación á materia de Física. Foi un pracer recibilos, o alumnado de 1º e de 2º Bacharelato agradeceu moito que pasaran por aquí. Grazas!




venres, 18 de outubro de 2024

Os marcapáxinas esquecidos

Non podedes imaxinar cantos marcapáxinas esquecidos atopamos nos libros…

Senón, atende ao que din os libros larapeteiros nestas viñetas do periodista e humorista arxentino Rep.

A vindeira semana, na biblioteca do IES Rafael Dieste e como celebración do Día das Bibliotecas, buscaremos  eses marcapáxinas aburridos e esquecidos polos lectores.

Mediante un xogo de pistas desvelaremos onde se atopan. 

xoves, 17 de outubro de 2024

Misterio na biblioteca

Desaparecen as letras dos libros...os ordenadores non funcionan…

Unha estraña bacteria esténdese pola biblioteca do IES Rafael Dieste… como podemos detela?

Ao longo da vindeira semana…celebramos o día das Bibliotecas cun scape room

Non poderás saír da biblioteca ata atopar o antídoto que salve os libros e os ordenadores… 

Que grupo conseguirá a solución?

Os días 23, 24 e 25 de outubro: scape room na biblioteca.



mércores, 16 de outubro de 2024

Novas bibliotecas de aula

Para a Hora de ler, cada alumno ou alumna pode traer o seu libro para ler. De todas maneiras hai organizadas xa unhas pequenas bibliotecas de aula. Os libros están seleccionados por idades e son de temáticas e xéneros variados tendo en conta a diversidade no grupo.

O alumnado axudante de biblioteca (2 por aula) será o encargado de manter en orde e con mimo esta pequena biblioteca de aula. Queremos evitar que os libros estean tirados nun recuncho ou espallados por andeis sen ton nin son.

En cada aula estará colocado un cartel moi visual cunha cita sobre a importancia de ler. Estes forman parte desta campaña desde a Biblioteca para fomentar o gusto pola lectura, por un lado, e coidar os espazos e a Hora de Ler, por outro.

Mimemos estes espazos, que sexan bonitos e coidados polo alumnado!





luns, 14 de outubro de 2024

Comeza a Hora de ler

A hora de ler ten como obxectivo principal fomentar o gusto pola lectura entre os rapaces e rapazas. Está dirixida a todos os cursos de ESO.

Cada día dedicamos 20 minutos dunha sesión á lectura. 

  • Na semana que comezou o 7 de outubro: 20 minutos na 1º sesión da mañá
  • Na semana que comeza o 14 de outubro: 20 minutos na 2ª sesión da mañá
  • Na semana que comeza o 21 de outubro: 20 minutos na 3ª sesión da mañá

E así ata a segunda semana de decembro na que faremos un parón por mor da proximidade da avaliación. Os calendarios están visibles en cada aula.

O alumnado axudante será o encargado de lembrar o horario cada día ou semana aos seus compañeiros e aos profes, por se nos esquecemos.

O docente pode decidir na súa clase como establecer a Hora de Ler: o comezo ou ao final da sesión, lectura individual en silencio, lectura en alto, dramatizacións etc.



venres, 11 de outubro de 2024

Alumnado do IES Plurilingüe Rafael Dieste galardoado nos Premios Escola en Camiño

Sofía Carou, alumna de 4º de ESO foi galardoada na categoría de debuxo nos Premios Escola en Camiño, organizados por Faro de Vigo, A Opinión da Coruña e O Correo Galego, xunto coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades de FP.

Ademais, Leda Tinaquero, Valeria Ortiz e Daniel Rey, de 1º de bacharelato, recibiron o premio literario por grupos.


Parabéns a todas e todos!




IES Plurilingüe 'RAFAEL DIESTE' é centro Mus.e


"AQUÍ TAMÉN SE FALA GALEGO"

"AQUÍ TAMÉN SE FALA GALEGO"
Actividade de Dinamización Lingüística

MUSE VIDEOS 2022

Seguidores